O “Manifesto Burela” sobre os eólicos mariños irá ao Congreso dos Deputados, segundo o BNG

A través do denominado “Manifesto de Burela”, asociacións e Federacións de Confrarías, así como armadores e outras organizacións están a alertar sobre os diferentes proxectos de implantación de enerxía eólica mariña.


O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, mantén un encontro con representantes da frota que faena nos caladoiros do Cantábrico ameazados pola instalación de parques e complexos eólicos. Rego traslada que o BNG xa rexistrou distintas iniciativas na cámara baixa reclamando que o Goberno do Estado atenda o contido do “Manifesto de Burela en defensa do sector pesqueiro” co obxectivo de protexer o sector pesqueiro. Así mesmo, reitera que o BNG rexeita a implantación da eólica mariña na costa galega polos enormes prexuízos que causaría ao sector e tamén polos danos nos ecosistemas mariños.

A través do denominado “Manifesto de Burela”, asociacións e Federacións de Confrarías, así como armadores e outras organizacións están a alertar sobre os diferentes proxectos de implantación de enerxía eólica mariña. Estes proxectos poñen perigo a actividade pesqueira por canto as instalacións preténdense situar en caladoiros de pesca e tamén na proximidade de Espazos Mariños que gozan dalgún tipo de protección. O deputado do BNG no Congreso vén de manter un encontro con asinantes do manifesto e traslada as novas iniciativas rexistradas na cámara baixa.

O deputado Néstor Rego, destaca que a plataforma continental galega non é apta para a instalación de proxectos de eólica mariña por ser moi estreita. Esta conformación natural e xeolóxica implicaría que os aeroxeradores deberan colocarse a moi pouca distancia da costa, e afectarían directamente aos caladoiros principais da nosa frota de baixura, ademais dos prexuizos para a biodiversidade mariña.

“Queremos evitar o severo prexuízo ao sector pesqueiro e os danos nos ecosistemas mariños que supoñería a implantación deste tipo de instalacións eólicas” explica o deputado nacionalista. Por este motivo, insta o Goberno a avaliar, a través do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e do Instituto Español de Oceanografía (IEO), o impacto da instalación de polígonos de eólicos mariños sobre os recursos pesqueiros e as zonas de traballo das diferentes artes e segmentos de frota que operan no caladoiro nacional do Cantábrico-Noroeste e os seus efectos sobre a economía das comunidades pesqueiras do Cantábrico.

A incompatibilidade dos proxectos eólicos coa actividade pesqueira e o mantemento da biodiversidade nos ecosistemas mariños faise máis gráfica “cando falamos da contaminación acústica, coas graves consecuencias que ten para aves e mamíferos mariños, e os cambios na rapidez e dirección das ondas, así como os posíbeis efectos de alteración das correntes mariñas e a súa afectación aos substratos e a biodiversidade”.

A plataforma entende, tal e como recolle no “Manifesto de Burela”, que a pesca forma parte da solución para paliar o cambio climático, e os pescadores “non podemos ser substituídos nos mares por industrias que afecten ao modo de vida e aos nosos ecosistemas en prexuízo de toda a sociedade e para beneficio de empresas enerxéticas que demostraron estar moi apartadas do interese xeral e do ben común”. Especialmente na Galiza, e no máis concreto na comarca da Mariña, onde unha porcentaxe elevada da cidadanía depende directa e indirectamente da actividade pesqueira.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here